100 formas de llamarle a la lluvia en gallego
Debido a su contenido, este texto está solo disponible en gallego
Como ben dixo Siniestro Total, en Galicia a chuvia é arte. De calquera xeito, a fama que temos de que en Galicia chove sempre, tampouco creo que sexa ben merecida.
Iso si, calquera o defende co que leva chovendo esta tarde.
No que vai de mes, rexistráronse máis 100l/m² en moitos puntos de Galicia, pero esta chuvia por momentos foi persistente, noutros caeu de xeito intermitente, e ademais as precipitacións nuns momentos tiveron un carácter débil e noutros forte. Debido a estas diferentes formas de caer a chuvia, en galego existen ata 100 maneiras de referirse a ela.
Cando a chuvia é fina, pero non desagradable, falamos de babuña, babuxa ou barbuza, e proceden do lexema bab que é o son que fan os bebés antes de falar.
Cando as néboas chegan a mollar, falamos de borraxeira, cegoña ou fuscallo
Se vemos o sol mentres cae esa chuvia moi fina, falamos de froallo, xa que a chuvia semella branca e lémbranos ao pó que saía da la das ovellas (ao que se lle chamaba floccum en latín)
Xa cando esa chuvia fina é un pouquiño máis intensa, usamos os termos poalla, poalleira, poallada que veñen todas do latín "pulvis" (pó en suspensión). Son sinónimos o orballo ou orballeira, o zarzallo, a parruma e mesmo a breca.
Cando a chuvia e feble, pero as gotas xa non son tan finas, falamos de borrallo, barrufa, zarzalo e zarracina que proceden do latín "boreas" ou do grego "circus" que era como se lle chamaba ao vento do norte que achega ese tipo de chuvias. Tamén falamos aquí de chuviscadas ou de chuvisca.
Estas chuvias nada teñen que ver co que está a caer agora en Galicia. Estas chuvias fortes cando son persistentes coma esta tarde falamos dun dioivo ou dunha arroiada, pero cando son intermitentes e fortes como as que teremos esta noite aparecen moitos máis xeitos de chamalas. Da palabra latina "bullar" (ebulición) proceden o ballón ou a balloada. Bátega ou bategada tamén son sinónimos, así como chuvasco que acaba englobando a todas estas chuvias intensas e de curta duración. Tamén lles podemos chamar chaparrada, cebrina ou cifra e contrariamente ao que pensa moita xente, unha chuvieira tamén é una chuvia forte.
Se a chuvia ven acompañada de raios, falamos de treboadas, trebóns ou torbóns, todas elas procedentes do latín "turbo" (movemento circular)
A maiores tamén temos expresións formadas con chuvia xunto cun elemento que fala de moita cantidade , "chove a mares", "caen chuzos de punta", "chove a caldeiros", chove a ballón", "a cichón" ou "a choupón", e tamén outras expresións para falar de pouca chuvia, "so caeron 4 gotas".
E tralas chuvias desta semana, a vindeira fin de semana, poderemos dicir que amizará, delampará, escambrará ou esteará, é dicir, deixará de chover, e é como di o refrán, Nunca choveu que non escampara.
Todos estes termos e moitos outros foron recompilados pola filóloga Elvira Fidalgo, da Universidade de Santiago de Compostela e agardamos que polo menos vos axudaran a poñerlle un sorriso a esta tarde de chuvia
Comentarios
-
Paradanta
Dúas palabriñas máis, polas comarcas do Condado e da Paradanta (se cadra, por influencia portuguesa): mormaceira á néboa que molla e ciobra á chuvia intensa acompañada de fortes ventos. Saudiños!-
Bea Hervella
Moitas, moitas grazas pola aportación!!!! Tomamos nota!!
-
-
roebek
Boto a faltar os "cairos" de chuvia, chaparróns de moita intensidade pero breves. Coa expresión "quedei coma un pito do cairo" = empapeime todo.-
Carlos F. Balseiro
Grazas polo apunte!! Sería polo que dís un sinónimo de bátega, ballón, etc... Non o escoitara nunca. -
roebek
É algo que se usa no Morrazo :)
-
-
“@4gotas_com: En Galicia a chuvia é arte http://t.co/GjNA0vFuY5 #100formasdechamarlleáchuvia” @esparadrap
— Aldridge (@_Aldridge) October 22, 2013 -
César Salgado
Outro traballo sobre léxico da chuvia, realizado por Anxo González Guerra e Vitoria Ogando Valcárcel: http://www.ogalego.eu/exercicios_...-
Carlos F. Balseiro
Moi bo o apunte de César Salgado. Non coñecía esa páxina e é moi boa. GRACIÑAS!!
-
-
Carlos F. Balseiro
Cómo se lle chama aos diferentes tipos de chuvia no voso pobo?!? -
En Galicia a chuvia é arte http://t.co/sP9X23s2jB … e temos ata 100 maneiras de referirnos a ela #100formasdechamarlleáchuvia @4gotas_com
— Innova Idiomas (@Innovaidiomas) October 22, 2013 -
Krinchy
Como mola este artigo! Noraboa compañeiro! E por suposto sobresainte á Elvira! O galego ten estas cousas que che sacan un sorriso nun dia coma este! -
“@4gotas_com: En Galicia a chuvia é arte http://t.co/MxVnIpjfRZ e temos ata 100 maneiras de referirnos a ela #100formasdechamarlleáchuvia”
— Dores S. Alegre (@AlegreDores) October 21, 2013 -
En Galicia a chuvia é arte http://t.co/BxOiruYhRn e temos ata 100 maneiras de referirnos a ela #100formasdechamarlleáchuvia
— 4gotas (@4gotas_com) October 21, 2013